xoves, 23 de decembro de 2021

A LENDA DE ROXÍN ROXAL E O ESCUDO DO CONCELLO DE PADERNE

O concello de Paderne está cheo de historia. Unha desas historias está relacionada coa Ponte do Porco, situada a 6 quilómetros da Aula da Ría.

A liñaxe dos Andrade marca a historia do concello de Paderne, tal é como queda reflectido no escudo municipal. Neste aparece representada unha ponte cun porco bravo no medio e a cada extremo unha cuncha de vieira, símbolo de peregrinos, que fai referencia ao paso do Camiño Inglés de Santiago por Paderne.

Escudo do concello de Paderne

Fernán Pérez de Andrade “O Bo”, mandou construír unha ponte sobre o río Lambre para establecer boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos no século XIV. Nesta ponte é onde probablemente ocorreu a lenda de Roxín Roxal, a cal lle deu o nome de Ponte do Porco. Ademais, o nome fai referencia ao xabaril que simboliza a casa dos Andrade.

Ponte do Porco en Miño por Manuel Abelenda. Ano 1930.

A lenda cóntannos que Don Nuno Freire de Andrade, señor de Pontedeume, tiña ao seu servizo un doncel ao que chamaban Roxín Roxal. Don Nuno tiña en moi boa consideración a este mozo, a quen lle regalou un puñal de prata para que defendera con el aos seus señores. Roxín Roxal estaba namorado da fermosa filla de Don Nuno, chamada Teresa, pola cal era correspondido. Non obstante, por orde de seu pai, a nobre dama tivo que casar co señor Osorio, Don Enrique.

Un día, o Señor Osorio levou a súa muller á caza dun xabaril que estaba a facer estragos nas colleitas do campesiños de Andrade. O recente matrimonio atopou o porco bravo na ponte do Lambre e o Señor Osorio feriu ao enorme animal, pero non lle deu morte. O porco bravo ferido, encarouse contra el e a súa dona. O xabaril correu cara a parella, Don Enrique saltou ao río pola ponte, pero Teresa  quedou alí e o porco bravo bateu contra ela matándoa.

No día do enterro da dama, sobre a ponte apareceu morto o xabaril co puñal de prata, que o señor Andrade lle regalara a Roxín Roxal, cravado no corazón. Dende entón esta ponte é coñecida como Ponte do Porco.

Escultura do xabaril co puñal cravado xunto á Ponte do Porco
📚 Bibliografía:

Ningún comentario:

Publicar un comentario