Amosando publicacións coa etiqueta Paderne. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paderne. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de decembro de 2021

A LENDA DE ROXÍN ROXAL E O ESCUDO DO CONCELLO DE PADERNE

O concello de Paderne está cheo de historia. Unha desas historias está relacionada coa Ponte do Porco, situada a 6 quilómetros da Aula da Ría.

A liñaxe dos Andrade marca a historia do concello de Paderne, tal é como queda reflectido no escudo municipal. Neste aparece representada unha ponte cun porco bravo no medio e a cada extremo unha cuncha de vieira, símbolo de peregrinos, que fai referencia ao paso do Camiño Inglés de Santiago por Paderne.

Escudo do concello de Paderne

Fernán Pérez de Andrade “O Bo”, mandou construír unha ponte sobre o río Lambre para establecer boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos no século XIV. Nesta ponte é onde probablemente ocorreu a lenda de Roxín Roxal, a cal lle deu o nome de Ponte do Porco. Ademais, o nome fai referencia ao xabaril que simboliza a casa dos Andrade.

Ponte do Porco en Miño por Manuel Abelenda. Ano 1930.

A lenda cóntannos que Don Nuno Freire de Andrade, señor de Pontedeume, tiña ao seu servizo un doncel ao que chamaban Roxín Roxal. Don Nuno tiña en moi boa consideración a este mozo, a quen lle regalou un puñal de prata para que defendera con el aos seus señores. Roxín Roxal estaba namorado da fermosa filla de Don Nuno, chamada Teresa, pola cal era correspondido. Non obstante, por orde de seu pai, a nobre dama tivo que casar co señor Osorio, Don Enrique.

Un día, o Señor Osorio levou a súa muller á caza dun xabaril que estaba a facer estragos nas colleitas do campesiños de Andrade. O recente matrimonio atopou o porco bravo na ponte do Lambre e o Señor Osorio feriu ao enorme animal, pero non lle deu morte. O porco bravo ferido, encarouse contra el e a súa dona. O xabaril correu cara a parella, Don Enrique saltou ao río pola ponte, pero Teresa  quedou alí e o porco bravo bateu contra ela matándoa.

No día do enterro da dama, sobre a ponte apareceu morto o xabaril co puñal de prata, que o señor Andrade lle regalara a Roxín Roxal, cravado no corazón. Dende entón esta ponte é coñecida como Ponte do Porco.

Escultura do xabaril co puñal cravado xunto á Ponte do Porco
📚 Bibliografía:

venres, 17 de decembro de 2021

O SOL DO INVERNO

Este fin de semana continúa o bo tempo 🌞. Todos aqueles que queirades gozar da natureza, non dubidedes en acudir á Ruta de Sendeirismo da Aula da Ría. Nesta ruta poderedes ver a fauna e a flora local, ademais do patrimonio cultural que agocha o concello de Paderne.

O sol penetrando entre as árbores durante un tramo da ruta.

Nos mapas interactivos podedes ver por ónde discorre a ruta e, tamén, tedes sinalados os puntos de interese e unha explicación sobre cada un deles.

📍Google Maps:  

 📍Wikiloc:

Powered by Wikiloc

luns, 11 de outubro de 2021

PUBLICACIÓNS SOBRE O CONCELLO DE PADERNE

Hoxe comezamos a semana coa bibliografía acerca do Concello de Paderne 📚. Estas publicacións están a vosa disposición na biblioteca situada na Casa do Concello de Paderne.

Casa do Concello de Paderne

📔 Revista da Feira de Paderne. Concello de Paderne, Paraíso entre Ríos 

  • Feira de Paderne. 2 e 3 de xullo de 2011
  • Feira de Paderne. 3 e 4 de xullo de 2010
  • Feira de Paderne. 4 e 5 de xullo de 2009
  • Feira de Paderne. 5 e 6 de xullo de 2008
  • Feira de Paderne. 30 de xuño e 1 de xullo de 2007
  • Feira de Paderne. 1 e 2 de xullo de 2006
  • Feira de Paderne. 2 e 3 de xullo de 2005
  • Feira de Paderne. 31 de xullo e 1 de agosto de 2004
  • Feira de Paderne. 5 e 6 de xullo de 2003
  • Feira de Paderne. 20 e 21 de xullo de 2002
  • Feira de Paderne. 21 e 22 de xullo de 2001

 

📘 Libros sobre o Concello de Paderne
  • Rodríguez Cabanas, A. (2014). A cultura tradicional galega desaparecida. A vida no Ourovello (Paderne, A Coruña). 1950-2000. Apoio da Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.
  • Calvo Sánchez, J. (2014). Memorias e anécdotas.
  • Rico Rico, B. (2012). Vilamourel e os tempos de antes. A Coruña: Deputación da Coruña.
  • Concello de Paderne (2011). Paderne, unha mirada ó pasado. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.
  • Río López, A. (2008). Vilouzás. Historia e xentes. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.
  • Concello de Paderne (2007). Paderne, tal como eramos. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.
  • Concello de Paderne (2006). Paderne na palabra das súas xentes. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.
  • Concello de Paderne (2005). Guía do Concello de Paderne. Paraíso entre ríos.
  • Fariña Jamardo, X. (1993). Os Concellos Galegos. Parte Especial. Tomo VII (Ourol-Pontedeume). Fundación Barrié de La Maza. pp.71-84
  • Deputación da Coruña (Ed.) (1989). Paderne. Vilarmaior. A Coruña: Deputación da Coruña.

 

 📜 Folleto turístico

Se coñecedes algunha publicación que non estea recollida aquí, non dubides en comentalo máis abaixo 👇 ou achegarvos a Aula da Ría para que a poidamos incluír neste listado.

venres, 8 de outubro de 2021

O BO TEMPO SEMPRE ACOMPAÑA NAS ANDAINAS

Achégase un fin de semana solleiro 🌄.  Que mellor forma de gozar do bo tempo outonal percorrendo a ruta da contorna da Aula da Ría, mediante a cal podedes coñecer o patrimonio cultural e natural do concello de Paderne, un paraíso entre ríos.

Animádevos a camiñar por este sendeiro e comentade as vosas experiencias e impresións na sección de comentarios situada máis abaixo👇!

Ligazóns dispoñibles da ruta:

- 📍Google Maps: https://bit.ly/3iFbYhJ

- 📍Wikiloc: https://bit.ly/3Dnujba

 

Lembrade, o Centro de Interpretación da Aula da Ría pecha ás 14:30 horas. Estaremos de volta o luns ás 8:30 horas.