xoves, 23 de decembro de 2021

A LENDA DE ROXÍN ROXAL E O ESCUDO DO CONCELLO DE PADERNE

O concello de Paderne está cheo de historia. Unha desas historias está relacionada coa Ponte do Porco, situada a 6 quilómetros da Aula da Ría.

A liñaxe dos Andrade marca a historia do concello de Paderne, tal é como queda reflectido no escudo municipal. Neste aparece representada unha ponte cun porco bravo no medio e a cada extremo unha cuncha de vieira, símbolo de peregrinos, que fai referencia ao paso do Camiño Inglés de Santiago por Paderne.

Escudo do concello de Paderne

Fernán Pérez de Andrade “O Bo”, mandou construír unha ponte sobre o río Lambre para establecer boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos no século XIV. Nesta ponte é onde probablemente ocorreu a lenda de Roxín Roxal, a cal lle deu o nome de Ponte do Porco. Ademais, o nome fai referencia ao xabaril que simboliza a casa dos Andrade.

Ponte do Porco en Miño por Manuel Abelenda. Ano 1930.

A lenda cóntannos que Don Nuno Freire de Andrade, señor de Pontedeume, tiña ao seu servizo un doncel ao que chamaban Roxín Roxal. Don Nuno tiña en moi boa consideración a este mozo, a quen lle regalou un puñal de prata para que defendera con el aos seus señores. Roxín Roxal estaba namorado da fermosa filla de Don Nuno, chamada Teresa, pola cal era correspondido. Non obstante, por orde de seu pai, a nobre dama tivo que casar co señor Osorio, Don Enrique.

Un día, o Señor Osorio levou a súa muller á caza dun xabaril que estaba a facer estragos nas colleitas do campesiños de Andrade. O recente matrimonio atopou o porco bravo na ponte do Lambre e o Señor Osorio feriu ao enorme animal, pero non lle deu morte. O porco bravo ferido, encarouse contra el e a súa dona. O xabaril correu cara a parella, Don Enrique saltou ao río pola ponte, pero Teresa  quedou alí e o porco bravo bateu contra ela matándoa.

No día do enterro da dama, sobre a ponte apareceu morto o xabaril co puñal de prata, que o señor Andrade lle regalara a Roxín Roxal, cravado no corazón. Dende entón esta ponte é coñecida como Ponte do Porco.

Escultura do xabaril co puñal cravado xunto á Ponte do Porco
📚 Bibliografía:

luns, 20 de decembro de 2021

EXCURSIONISTAS GOZANDO DA AULA DA RÍA E A SÚA CONTORNA

A semana pasada recibimos a varios excursionistas que estaban coñecendo o norte de Galicia. Estes visitaron a Aula da Ría e realizaron a ruta dos Muíños de Chantada mentres gozaban do bo tempo que os acompañaba.

Á esquerda: excursionistas no interior da Aula da Ría. Á dereita: excursionistas no conxunto de Muíños de Guende.

Todos aqueles que queirades coñecer o noso patrimonio histórico e natural, non dubidedes en achegarvos ata a Aula da Ría 🏡.

venres, 17 de decembro de 2021

O SOL DO INVERNO

Este fin de semana continúa o bo tempo 🌞. Todos aqueles que queirades gozar da natureza, non dubidedes en acudir á Ruta de Sendeirismo da Aula da Ría. Nesta ruta poderedes ver a fauna e a flora local, ademais do patrimonio cultural que agocha o concello de Paderne.

O sol penetrando entre as árbores durante un tramo da ruta.

Nos mapas interactivos podedes ver por ónde discorre a ruta e, tamén, tedes sinalados os puntos de interese e unha explicación sobre cada un deles.

📍Google Maps:  

 📍Wikiloc:

Powered by Wikiloc

martes, 14 de decembro de 2021

RUTA DOS MUÍÑOS

A 350 metros do Centro de Interpretación Aula da Ría podemos gozar da Ruta dos Muíños de Chantada. Dita ruta está incluída no itinerario da Aula da Ría.

Sinalización

Varios son os muíños que podemos observar durante a ruta. Hoxe queremos falarvos do Muíño de Castelos que, xunto a fonte e o  lavadoiro que están ao seu carón, forma un conxunto arquitectónico precioso no que parar a descansar e escoitar o paso da auga do río. Estas tres estruturas foron rehabilitadas polo obradoiro de emprego “Paderne”, promovido polo concello de Paderne e subvencionado pola consellería de traballo e fondo social europeo en 2008.

No Muíño de Castelos podemos ver a maquinaria completa dun dos muíños de canle. A auga do río entraba con velocidade pola canle e impulsaba con forza o rodicio, unha roda de aspas que movía a moa do muíño. O cereal depositábase na moega e o muiñeiro era quen regulaba a cantidade de gran que quería moer. 

Muíño de Castelos rehabilitado. Pódese acceder ao seu interior e ver a moega

Dito popular sobre os muíños (Concello de Paderne 2011: 82):

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada, 
unha semaniña enteira,
esa si que é muiñada!

A fonte, ao carón do Muíño, servía para abastecer de auga á aldea de Chantada. O lavadoiro era empregado polas mulleres para lavala roupa, que moitas veces deixaban a secar ao sol nas leiras dos arredores amosando unha paisaxe peculiar.

Lavadoiro e fonte

No seu día, os muíños, a fonte e o lavadoiro foron lugares de reunión de veciños e mesmo puntos de encontro para os mozos e mozas da parroquia.

Qué mellor forma de gozar do tempo solleiro que temos esta semana que pasear polos muíños e achegarse a Aula da Ría 🏡.

📚 Bibliografía

  • Concello de Paderne (2011). Paderne, unha mirada ó pasado. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.

xoves, 9 de decembro de 2021

NA RIBEIRA DE CHANTADA

Na ruta de sendeirismo Aula da Ría encontramos un túnel baixo a vía de ferrocarril que nos leva a observar unhas fermosas vistas da ribeira de Chantada coa fauna e flora que habita neste lugar, e tamén, ver a ponte do Pedrido.

A vía de ferrocarril entre Betanzos e Ferrol inaugurouse no ano 1913🚂. Esta infraestrutura supuxo un gran progreso para os pobos polos cales pasaba o trazado, caso do tramo que discorre pola aldea de Chantada (Paderne) e que se pode observar durante a ruta de sendeirismo da Aula da Ría.

Túnel baixo a vía do ferrocarril que une Betanzos e Ferrol.
Cando atravesamos o túnel que pasa baixo a vía do ferrocarril, temos unha ampla panorámica da ribeira de Chantada. Neste fermoso lugar podemos descansar mentres observamos a fauna e flora. Ademais, dende aquí podemos ver a ponte do Pedrido que se comezou a construír no ano 1940 e se inaugurou no 1943. Anterior a construción desta Ponte, os veciños cruzaban dun lado a outro da ría de Betanzos nunha barcaza para vender os seus produtos.

A xente estaba moi ilusionada coa construción da ponte do Pedrido, pois supuña unha gran innovación que facilitaría o tránsito de persoas as dúas beiras da ría de Betanzos. Tanto é así, que lle dedicaron uns versos (Concello de Paderne 2011: 61).

Hermosa villa de Insua,

que bonita vas a ser
con la nueva luz del Tambre
y el puente que van a hacer.
 
Outros versos:
Hermosa villa de Insua,
que la rodean dos puentes,
con el túnel de la vía
y el arreglo de la fuente.

Ribeira de Chantada. En primeiro termo temos a AP-9, e tras esta, ao fondo, podemos ver a Ponte do Pedrido deseñada por Eduardo Torroja Miret e inaugurada no ano 1943.

📚 Bibliografía:

  • Concello de Paderne (2011). Paderne, unha mirada ó pasado. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.

venres, 3 de decembro de 2021

HOSPITAL DE GUENDE: PATRIMONIO DESAPARECIDO

A ruta de sendeirismo do Centro de Interpretación Aula da Ría comparte un pequeno tramo co Camiño Inglés que leva a Santiago de Compostela. Antigamente, neste itinerario que transcorre por Chantada, os peregrinos podían hospedarse no Hospital de Guende. 

O Hospital de Guende foi fundado en 1345 no lugar de Chantada, parroquia de Souto (Paderne). Tras case catro séculos en activo, no 1720 redactouse un decreto no cal cesaban as funcións que viñan desempeñando ata ese momento no Hospital. Esta decisión foi motivada polo incumprimento das obrigas que lles correspondían aos herdeiros de Juan de Guende, posuidores do ben.

Nestes hospitais as atencións limitábanse a proporcionar leito e lume, en ocasións acompañados de pan e viño, e coidados profilácticos. Xeralmente, os hospitais contaban con capela, como no caso Guende. Isto non é estraño, pois as peregrinacións estaban motivadas pola relixión (Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro 1993: 2).

Juan de Guende, que habitaba no hospital, tiña a custodia dun Cáliz de estaño e Corporales da capela, entre outros bens, segundo consta no libro de visitas de comezos do 1600 referente á igrexa parroquial de Santa María de Souto. Juan de Guende tiña o deber de dar pousada ós pobres que quixesen apousentarse nese lugar, dicir misa na capela e gardar tódolos bens da institución so pena de excomuñón. Temos constancia deste feito, a partir da visita que fixo Don Francisco de Vera, Obispo de Medauro e Visitador Xeral do Arzobispado de Santiago, pola súa Ilma Don Maximiliano de Austria, Arzobispo de Santiago o 13 de agosto de 1608 (Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro 1993: 8).

"Juan de Guende, que vive en el dicho Hospital,
el qual hesta obligado a decir las dichas missas
y a recevir los pobres que se quisieren aposentar
en el dicho Hospital..."

Por aquel entonces, estaba moi arraigado o costume de asistir as misas na capela do Hospital, polo que os fregueses continuaban indo á misa do Hospital pese a remodelación da Igrexa de Santa María de Souto no ano 1813. Isto levou a tomar a decisión de trasladalas figuras relixiosas do Hospital á Igrexa (Concello de Paderne 2005).

Igrexa parroquial Santa María de Souto. O edificio conta cunha soa nave e dúas pequenas capelas laterais de diferentes proporcións. Edificouse cunha base estrutural románica no século XII, pero apenas conserva restos desta época debido a transformación do ano 1813.

Actualmente, na propiedade do antigo Hospital de Guende hai un grupo de casas polas cales discorre a ruta do Camiño Inglés. Temos constancia de dito Hospital neste lugar grazas aos documentos antigos e, tamén, á referencia que nos deixou no caderno de viaxe o Pai Martín Sarmiento do ano 1745.

A esquerda, unha das casas onde antigamente estaba o Hospital de Guende. En primeiro plano camiño por onde discorre o Camiño Inglés, e ao fondo sinalización da ruta Xacobea.

📚 Bibliografía: