A ruta de sendeirismo do Centro de Interpretación Aula da Ría comparte un pequeno tramo co Camiño Inglés que leva a Santiago de Compostela. Antigamente, neste itinerario que transcorre por Chantada, os peregrinos podían hospedarse no Hospital de Guende.
O Hospital de Guende foi fundado en 1345 no lugar de Chantada, parroquia de Souto (Paderne). Tras case catro séculos en activo, no 1720 redactouse un decreto no cal cesaban as funcións que viñan desempeñando ata ese momento no Hospital. Esta decisión foi motivada polo incumprimento das obrigas que lles correspondían aos herdeiros de Juan de Guende, posuidores do ben.
Nestes hospitais as atencións limitábanse a proporcionar leito e lume, en ocasións acompañados de pan e viño, e coidados profilácticos. Xeralmente, os hospitais contaban con capela, como no caso Guende. Isto non é estraño, pois as peregrinacións estaban motivadas pola relixión (Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro 1993: 2).
Juan de Guende, que habitaba no hospital, tiña a custodia dun Cáliz de estaño e Corporales da capela, entre outros bens, segundo consta no libro de visitas de comezos do 1600 referente á igrexa parroquial de Santa María de Souto. Juan de Guende tiña o deber de dar pousada ós pobres que quixesen apousentarse nese lugar, dicir misa na capela e gardar tódolos bens da institución so pena de excomuñón. Temos constancia deste feito, a partir da visita que fixo Don Francisco de Vera, Obispo de Medauro e Visitador Xeral do Arzobispado de Santiago, pola súa Ilma Don Maximiliano de Austria, Arzobispo de Santiago o 13 de agosto de 1608 (Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro 1993: 8).
"Juan de Guende, que vive en el dicho Hospital,
el qual hesta obligado a decir las dichas missas
y a recevir los pobres que se quisieren aposentar
en el dicho Hospital..."
Actualmente, na propiedade do antigo Hospital de Guende hai un grupo de casas polas cales discorre a ruta do Camiño Inglés. Temos constancia de dito Hospital neste lugar grazas aos documentos antigos e, tamén, á referencia que nos deixou no caderno de viaxe o Pai Martín Sarmiento do ano 1745.
A esquerda, unha das casas onde antigamente estaba o Hospital de Guende. En primeiro plano camiño por onde discorre o Camiño Inglés, e ao fondo sinalización da ruta Xacobea. |
📚 Bibliografía:
- Concello de Paderne (2005). Guía do Concello de Paderne.
Paraíso entre ríos.
- Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, J. (1993). El camino Inglés a Santiago. El Camino Real que pasa por San Pantaleón das Viñas. Programa de las fiestas patronales de San Pantaleón das Viñas. Consultable en: http://www.cronistadebetanzos.com/el-camino-real-que-pasa-por-san-pantaleon-das-vinas/
Ningún comentario:
Publicar un comentario