A 350 metros do Centro de Interpretación Aula da Ría podemos gozar da Ruta dos Muíños de Chantada. Dita ruta está incluída no itinerario da Aula da Ría.
Sinalización |
Varios son os muíños que podemos observar durante a ruta. Hoxe queremos falarvos do Muíño de Castelos que, xunto a fonte e o lavadoiro que están ao seu carón, forma un conxunto arquitectónico precioso no que parar a descansar e escoitar o paso da auga do río. Estas tres estruturas foron rehabilitadas polo obradoiro de emprego “Paderne”, promovido polo concello de Paderne e subvencionado pola consellería de traballo e fondo social europeo en 2008.
No Muíño de Castelos podemos ver a maquinaria completa dun dos muíños de canle. A auga do río entraba con velocidade pola canle e impulsaba con forza o rodicio, unha roda de aspas que movía a moa do muíño. O cereal depositábase na moega e o muiñeiro era quen regulaba a cantidade de gran que quería moer.
Muíño de Castelos rehabilitado. Pódese acceder ao seu interior e ver a moega |
Dito popular sobre os muíños (Concello de Paderne 2011: 82):
A fonte, ao carón do Muíño, servía para abastecer de auga á aldea de Chantada. O lavadoiro era empregado polas mulleres para lavala roupa, que moitas veces deixaban a secar ao sol nas leiras dos arredores amosando unha paisaxe peculiar.
Lavadoiro e fonte |
No seu día, os muíños, a fonte e o lavadoiro foron lugares de reunión de veciños e mesmo puntos de encontro para os mozos e mozas da parroquia.
Qué mellor forma de gozar do tempo solleiro que temos esta semana que pasear polos muíños e achegarse a Aula da Ría 🏡.
📚 Bibliografía
Concello de Paderne (2011). Paderne, unha mirada ó pasado. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, Concello de Paderne.
Ningún comentario:
Publicar un comentario